Friday 10 de May de 2024

Lousame e Porto do Son clausuran o seu obradoiro de emprego conxunto


Durante seis meses, formou e empregou vinte persoas nas especialidades de atención sociosanitaria e albanelería, cun investimento total de 234.000 euros

Os Concellos de Lousame e de Porto do Son clausuraron hoxe o obradoiro de emprego conxunto ‘Iroite’, que durante os últimos seis meses formou e empregou vinte persoas dos dous municipios nas especialidades de atención sociosanitaria e albanelería. O acto de clausura estivo presidido pola delegada provincial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo.

Do Campo explicou que a formación recibida neste obradoiro “enriquecerá moitísimo o currículo dos participantes, cun certificado de profesionalidade válido para todo o territorio nacional, e beneficia o conxunto da cidadanía, con obras ben feitas e servizos que son beneficiosos para todos”. Ademais, destacou que os obradoiros de emprego están acadando unha media de colocación laboral do 40 % dos alumnos-empregados, con cotas de ata o 70 % nalgunhas especialidades. Por eso, expuxo que “para o goberno da Xunta e o presidente Feijóo é unha prioridade a loita contra o paro, polo que en 2015 aumenta o presuposto para os obradoiros e convocaranse uns novos obradoiros específicos para menores de 25 anos”.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agarda que o obradoiro “sirva como un pasaporte ao traball”, no contexto dun mercado laboral cada vez máis especializado. Nesta liña, animou aos participantes en Iroite a “seguir formándose, cadaquén no seu campo, especialmente os máis novos, para os que existe moitísima oferta formativa na propia comarca e fóra dela”. O primeiro edil de Porto do Son, Luis Oujo, anunciou que os dous Concellos “seguirán apostando por este tipo de inciativas, que ofrecen moi boa formación teórica e moi boas clases prácticas para entrar no mercado laboral”.

Características do obradoiro
Iroite supuxo un investimento de algo máis de 234.000 euros, dos que a maior parte os achegou a Xunta (uns 178.000 euros) a o resto provén dos orzamentos municipais. Dos seus vinte alumnos-traballadores, doce (seis de Lousame e seis de Porto do Son) participaron no módulo de albanelería e oito (catro por cada municipio) no de atención sociosanitaria.

Na parte práctica do obradoiro, a especialidade de albanelería dividiuse en dous grupos de seis persoas por cada concello, para facer máis operativa a organización. En Lousame, acometeron melloras no local social de Cruído, coa limpeza e xuntado de fendas na fachada, o recebado exterior, o pintado interior e exterior e o adoquinado do camiño de acceso. Tamén colocaron os axulezos nos baños do polideportivo da Silva, que se están construíndo. E por último interviron no camiño interior da aldea de Chave, co rasanteo e formación das pendentes da ampliación e a ampliación do pavimento de formigón á totalidade do sobreancho.

En Porto do Son, as obras consistiron na humanización das rúas do casco orixinario da vila. Nas rúas de Outeiro Alto e Outeiro Baixo, remataron o lastrado de granito, colocando adoquíns e selando e compactando as superficies recubertas. Tamén puxeron en práctica a aplicación das instrucións técnicas e o seguimento das prescricións de seguridade e saúde no traballo.

En canto á especialidade de atención sociosanitaria, o aprendido nas sesións teóricas púxose en práctica con coidados xerontolóxicos nos centros de día de Lousame e de Porto do Son.

O equipo do obradoiro estivo integrado por unha directora, dous mestres de albanelería, unha docente de atención sociosanitaria, unha mestra de educación secundaria e unha auxiliar administrativa. Contou tamén co apoio e seguimento dos axentes de emprego e desenvolvemento local dos dous Concellos.